17 06 17 De Lebeña a Cicera polo camiño de Santo Toribio

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Cillorigo de Liébana e Peñarrubia (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Igrexa de Santa María de Lebeña (220 m)

ACCESO: Desde a estrada N – 621 que comunica Unquera con Potes.

HORARIO: 4/5 horas  DESNIVÉIS: 650 m de subidas / 360 m de baixadas 

DISTANCIA: 10 km     DIFICULTADE: Media/Baixa       TIPO DE RUTA: Travesía

MAPA: I.G.N. – 56 - IV

COTA MÍNIMA: Igrexa de Santa María de Lebeña (220 m) 

COTA MÁXIMA: Majadas de Arcedón (840 m)

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Partindo da igrexa atravesamos Lebeña para chegar a unha desviación onde collemos o camiño da dereita. Neste punto comeza unha lixeira ascensión deixando á man esquerda a traída de augas, pasando preto dun aciñeiral que deixamos tamén á man esquerda. A pista de pedras de laxe soltas dificulta un pouco o camiñar. Seguimos pola pista ata que chegamos a un cruce no que non hai ningunha marca, seguindo pola esquerda onde empezamos a comprobar que comeza unha costa considerable. Chegamos a outro desvío que ten marcas de pequeno recorrido e aquí comeza a suavizar a pendente tendo fermosas vistas do lugar de Lebeña.

            Segue a subida e a vexetación comeza a cambiar pasando de aciñeiras e carballos a caxigos e algunhas faias. Chegamos a outro cruce de camiños que van ao mesmo punto por sitios diferentes, nosoutros collemos o que vai polos invernais de Lebeña onde aproveitamos para ver a típica construción das cabanas.

            Pasamos os invernais por carreiro pouco marcado e atravesamos unha porta metálica continuando polo carreiro, subindo ata que chegamos a un cruce no que temos unha sinal que indica á Braña de los Tejos.

             Pola esquerda vai o camiño a Cicera seguino a ruta de Stº Toribio de Liébana en sentido inverso. O camiño xira á esquerda pasando xunto á braña de El Pando (660 m) a través dunha carballeria, pasando máis arriba o regato Maderes (770 m) xirando pouco despois cara ao noroeste, alcanzando así a cota máis alta desta ruta (840 m). O camiño bordea a parte norte da serra de Las Cuerres pasando o límite entre Liébana e Peñarrubia con inmellorables vistas do desfiladeiro de La Hermida, pola esquerda e detrás os Picos de Europa.

       Xira o camiño en dirección nordeste en baixada polo que vamos vendo árbores de gran porte nun bosque mixto de carballos, faias e castiñeiros. Damos vista ao miradoiro de Santa Catalina e o rego de Cicera para pasar xunto a un castiñeiro milenario a escasos metros do camiño. Máis abaixo temos a pequena ermida de Las Ánimas e moi preto a aldea de Cicera (500 m).