02 08 11 SENDA DO CARTEIRO – PEÑA SALÓN – PUENTE HUERA (Ponga) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Concello de Ponga (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Puente Vidosa

ACCESO: Na N-634, a altura de Arriondas, collemos a estrada comarcal que vai a Cangas de Onís e de aquí cara ao porto do Pontón. A 20 km. temos Puente Vidosa, onde comeza a rota. 

HORARIO: Entre 7 e 8 horas             DISTANCIA: 16 km             DESNIVEL: 1.100 m

DIFICULTADE: Alta                         MAPA: I.G.N. – 55 – III

DESCRICIÓN DA ROTA: Esta fermosa excursión que hoxe nos ocupa ten o seu comezo 800 metros por riba de Puente Vidosa (340 m), na estrada que sobe ao Pontón, no lugar coñecido como Deguera.

      Facemos o achego ao comezo da rota pola estrada dentro dun marco incomparábel pola brancura da paisaxe e aínda que a alguén lle parecerá mentira collemos un carreiro que sae á nosa dereita facendo zigzag por un pedreiro, que nos inza rapidamente debido ao desnivel acusado do trazado. Pasamos por entre dous grandes penedos situados no centro da canle e uns metros máis enriba temos que cruzar dita canle de dereita a esquerda, atopándonos no lugar coñecido como Cuetón de la Canal, logo entraremos en Mata Deguera situada debaixo dunha cova do mesmo nome.

      Ascendemos agora por entre as rochas facendo un quebro á dereita, chegando a Posa e o Sendero de la Cueva que nos levará fronte a outra canle que o camiño bordea por enriba; é a Canal de la Foz del Gatil. Proseguimos o camiño pasando por Sierrón Rapau, xa preto de Argayo Rodrigo que temos que cruzar máis adiante e acadar o Hombro de los Vaqueros. Continúa o sendeiro deixando ao leste Argayo del Hombro de los Vaqueros e ao Oeste, Collau de Argayu e tras unha nova e forte ascensión, chegamos a Cabu Cantu.

      Atopámonos xa no tramo que vai pola Sierruca e que nos achega á perigosa Foz de Biamón, coñecida como La Calderona. Separámonos da foz e uns metros máis adiante pasando Cuebellín del Seu e logo a Cuenya. Poucos pasos mais acadamos o Seu Baxu que comunica a Senda del Cartero con Biamón (710m). Aquí deberemos aprovisionarnos de auga á saída da aldea pois a partir de aquí non hai fontes. Agora unha boa pista que achéganos a Casielles onde comeza a ascensión ao cume da modesta Peña Salón. (1.244 m)

      Os accesos a este cumio son moi fáciles. Unha vez en Casielles xunto ao Collau de la Iglesia a mellor forma de atopar o camiño cara os Lazos e a Vallega el Valle e seguir os ascendentes postes do tendido eléctrico, así axiña atoparemos un camiño que nunha hora nos levará a Collau la Boia onde xiramos á dereita (Oeste) e ascendemos en poucos minutos a Peña Salón.

      O cume de Peña Salón amósanos marabillas como case todo o Cordal del Collau Zorro con un primeiro plano da aldea de Viego, vemos o Pre-Cornión con os seus cumes como Jucantu, La Conia, Valdepino e Cantu Cabroneroe detrás destes, o Macizo Occidental de Picos de Europa con as Peñas Santas como símbolo deste macizo.

      A partir de aquí collemos rumbo sur, unha baixada bastante pendente, primeiro en varios zigzags, e de novo seguimos os postes do tendido eléctrico e xusto onde a liña se bifurca, nós collemos á esquerda xa por un camiño máis cómodo entre bosques de caducifolios cara a aldea de Víboli. O primeiro que atopamos e o cemiterio situado na parte superior da aldea e sen entrar nela collemos un sendeiro que vai faldreando rumbo ao leste.

      Este sendeiro chamado Senda Vibolines, de cómodo trazado ao comezo, logo vaise arrimando a ladeira da montaña onde nos atopamos con varios pasos non moi complicados pero que debemos poñer especial atención debido aos barrancos que temos ao lado do sendeiro onde un erro traería sen dúbida graves consecuencias. Pasamos pola boca dunha gran cova sempre subindo e nuns pasos máis chegamos ao final do murallón. Aquí ben merece a pena unha parada para contemplar a aldea de Víboli (750 m) que xa nos queda bastante detrás e debaixo de nós temos a Foz de Andamios e a aldea de Candano, que non ollamos dende a nosa posición.

      As vistas nesta agreste zona son impresionantes e ensínannos o pequenos que somos, dentro desta paisaxe inigualable que vamos descubrindo a costa das nosas pernas e que non esqueceremos facilmente.

      Logo de tomar un respiro, retomamos o camiño cara a unha cabana solitaria, pasando xunto a ela. O camiño adivíñase de fronte en baixada. Pasa por unha zona de árbores cara a un cimbro que vamos vendo en todo momento. Ao pasar este lugar entre rochas, aparécenos a aldea de Casielles na que xa tivemos na subida, pasando de volta outra vez xunto a capela desta aldea.

      Dende aquí volvemos por pista cómoda ata Caviella (784 m) é xusto nesta aldea abandonada o camiño de baixada pasa polo medio das casas e comezamos o Camín de Velganza, costa a baixo bastante pronunciada ata acadar a estrada en Puente Velganza. Deberemos camiñar por esta estrada en dirección ao porto do Pontón ata Puente La Huera.