07 04 05 Los Calderones – Pico Amargones (Carrocera e Barrios de Luna) León

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Carrocera e Barrios de Luna (León)

PUNTO DE PARTIDA: Piedrasecha (1.180 m)

ACCESO: Na estrada N – 630 entre La Magdalena e La Robla ao seu paso por Otero de las Dueñas, hai un desvío duns 4 quilómetros que vai a Piedrasecha.                                  

HORARIO: 6/7 horas            DESNIVEL: 900 m                          DISTANCIA: 15 km                        

DIFICULTADE: Media   TIPO DE RUTA: Circular    MAPAS: I.G.N. – 103 – III – 129 – I

SINOPSE: Esta ruta une pintorescas aldeas de León con cristas e desfiladeiros a partes iguais. Non son cumes de primeira magnitude pero é outra forma de coñecer a Cordilleira Cantábrica.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Arrincamos da pequena praza de Piedrasecha (1.180 m), subindo para saír da aldea por un camiño de terra que vai en dirección oeste por un val ben aberto, o Valle del Villar. Vemos  que a ladeira máis aló dos prados que ocupan o fondo do val está cuberta de carballos, mancha forestal que baixa ata o cimbro que cerra o val por arriba. É o Collado Coros (1.313 m), onde a pista fai un brusco xiro á esquerda para cruzar o cimbro entre rochas.

            A pista agora baixa suavemente dando vistas ao lugar de Portilla de Luna (1.180 m) o cal temos que atravesar pasando por riba da igrexa para coller a pista que nos levará á característica brecha que observamos na baixada á aldea.

            Cando saímos do pequeno desfiladeiro a pista sobe en dirección norte ata chegar a un cruce, onde o ramal da dereita vai a unha canteira, seguimos pola esquerda tendo que cruzar o regato Fasgar. Collemos a subida con calma, deténdonos de vez en cando para mirar a meseta castelá que se agranda a medida que collemos altura.

            Así chegamos ao Collado Tijero (1.633 m) onde podemos facer unha parada e dende o cal podemos ver o  Amargones e o camiño que nos levará ao cume.

            Subimos cara ao noroeste acadando un cordal pouco definido que nos leva no seu comezo por un cortalumes e logo monte a través ata Corrales Viejos (1.792 m), mentres cara ao leste destaca unha longa liña de rocha caliza que só perde a súa condición de crista ao achegarse ao Alto del Palomar (1.819 m). O derradeiro tramo da aproximación ao Palomar transcorre por unha ladeira cuberta de arandeiras e xencianas ata chegar ao cume adornado por unha serie de torres de pedra e unha boa vista do desfiladeiro de Los Calderones, aos nosos pés.

            O camiño segue polo cordal ata acadar o Amargones ( 1.879 m), nome que se refire a zona de pasto asolagado. O cume caracterízase por unha colección de antigas construcións de pedra de forma circular, antigos niños de metralladoras da guerra civil.

            Baixamos ao cimbro de El Fito (1.675 m) collendo aquí un camiño que baixa pola marxe dereita do rego de Pernaliega ata as cabanas de Santas Martas (1.400 m). Neste este lugar conflúen os regatos de Pernaliega e Santas Martas que labraron un paso a través das rochas no sitio de Los Calderones. O río, en épocas de choiva baixa polo camiño facendo imposible o seu paso, aínda que no verán o río desaparece entre as rochas. Máis abaixo o río reaparece no lugar de El Manadero onde existe unha pequena capela abicada na rocha. Dende aquí a Piedrasecha non queda máis que un pracenteiro paseo.

    Texto extraído do libro Por la Cordillera Cantábrica de Robin Walker, editado por Ediciones Trea S. L. na súa edición do 2.002