07 09 15 San Esteban de Cuñaba – Tresviso – Urdón (Peñamellera Baja) Asturias (Tresviso) Cantabria

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Peñamellera Baja (Asturias) Tresviso (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: San Esteban de Cuñaba

ACCESO: A San Esteban chégase dende a estrada N – 621 que vai de Unquera a Potes, no casarío de Rumenes collemos un desvío a dereita que nos leva a San Esteban situado a menos de tres quilómetros.

HORARIO: 6/9 horas                   DESNIVEL: 700 m. de subida; 840 de baixada   

DISTANCIA: 16 km.

DIFICULTADE: Media. Alta baixando pola Canal de Reñinuevo                  

TIPO DE ROTAS: Travesías                     MAPA: I.G.N. – 56 – II

SINOPSE: O chapapote chegou a Tresviso en 1.991. Ata entón, á remota aldea colgada sobre o desfiladeiro de La Hermida subíase por dous camiños que competían en dificultade. O máis antigo, que chegaba a Tresviso dende San Esteban de Cuñaba atravesando os recunchos máis agrestes da serra de Cocón, quedou abandonado cando a empresa mineira de La Providencia construíu o camiño pola canle de Urdón.

            Os seus muros caeron, os pasos armados de madeira desapareceron e os sedos volvéronse impracticables. Pero non hai moito, o Parque Nacional esbrozou o desaparecido sendeiro, reconstruíu as armaduras; asegurando con cables os pasos máis perigosos e sinalou con pintura o camiño. Ao remate, púxoselle o nome do tramo máis aéreo, a Pasá del Picayo.

            Dende Tresviso, por un trazo inverosímil, baixamos a Urdón polo camiño de La Peña; pero máis audaz é seguir a Canal de Reñinuevo, usando, o sendeiro de servidume da canle que leva a auga ata a central eléctrica de Urdón.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: En San Esteban de Cuñaba (200 m.),collemos un camiño de formigón que sae do lugar cara ao leste entre castiñeiros e algún acivro ata que remata o formigón. Axiña abandonamos a pista para tomar un camiño que sae a esquerda para dirixirnos a área recreativa. Dende este lugar hai que subir cara ao rego de Robicores, o cal cruzamos e seguimos pola empinada ladeira oriental ata unha canle, por cuxo leito seco subimos. Pasamos unha serie de canles e cimbros ata que abandonamos o bosque subindo por unha empinada canle ata unha zoa rochosa algo húmida na que atoparemos o primeiro dos cables instalados polo Parque Nacional. Aínda atoparemos outros dous tramos antes de chegar a unha pendente herbosa dende a que vemos Rumenes e o río Deva. Ascendemos por esta pendente ata un pequeno cimbro que da paso a unha canle que nos conduce a aérea Pasá del Picayo.

      Dende aquí, pasamos a vertente meridional da serra de Cocón. A ladeira baixa vertixinosamente cara ao Deva provocando cando menos receo, pero gracias a uns cables podemos pasar sen medo. Despois dalgunhas subidas e baixadas por un entorno salvaxe, comezamos unha travesía ascendente cara ao oeste, con Tresviso xa a vista. Chegamos así ao Canto las Torcas, o punto máis elevado da excursión e comezaremos a baixada a Tresviso (900 m.) onde tomaremos un merecido descanso e, se cadra, uns anacos de queixo picón con sidra.

            Agora toca baixar ata Urdón, para o cal temos dúas opcións: polo Camino de La Peña, ou pola Canal de Reñinuevo. Esta última merece ser nomeada a parte.

CAMINO DE LA PEÑA: Este camiño sae de Tresviso en dirección leste, polo cal baixaban en cabalos o mineral das minas de Andara, para ao pouco chegar a braña de Prías. De seguida damos vista a garganta do Urdón e de fronte, na ladeira oposta, podemos distinguir a canle que sorte de auga a central de Urdón. Chegamos sen problemas ao punto máis impresionante do percorrido, o Balcón de Pilatos, lugar idóneo para facer unha parada e asomarse sobre o abismo do Urdón. Seguindo a camiñada pasamos pola Posá de Ciabedo, chamado así polo descanso que alí se toma cando se ven en sentido contrario. O camiño bastante deteriorado, vai facendo múltiples zigzags pola ladeira descendendo vertixinosamente cara ao río. Pasamos unha ponte metálica e outra de orixe romano, moi próximos entre si, e sen perda algunha chegamos a central de Urdón, na mesma beira da estrada que sobe a Potes

Canal de Reñinuevo

SINOPSE: Baixar ata Urdón pola Canal de Reñinuevo resulta, cando menos, unha sorprendente aventura que pode complicarse se menos valoramos os seus perigos. Non é recomendable si non dispomos de 4 ou 5 horas de luz solar ou si se prevé choiva, que pode empapar o muro da canle facendo o piso esbaradizo. Tampouco é recomendable para grupos numerosos nin persoas con vertixen ou pouco habituadas ao baleiro. É preciso camiñar polo muro da canle de augas rápidas, de medio metro escaso de anchura, que carece de branceira unha vez que abandonamos o sendeiro de Beges. O Corredor de Matallana permanece colgado sobre o abismo en dubidosa estabilidade, debendo atravesarse baixo a responsabilidade de cada quen. A travesía do túnel de Cantilluco pode ser imposible se escasea a luz (levar frontal). Moitas emocións nun percorrido bastante máis longo do que no comezo parece.

DESCRICIÓN DA ROTA: Despois do descanso en Tresviso (900 m.), saímos pola estrada que vai a Sotres. Abandonámola axiña, nun pequeno cimbro, (El Collao), por un camiño de formigón que sae a nosa esquerda a altura de dúas grandes cadras. Nun punto no que a pista parece deixar de perder altura, collemos a esquerda un estreito sendeiro (balizas) que segue baixando con bastante declive. Cruzamos outro ramal de pista, retomando de novo enfronte o sendeiro que segue baixando entre prados, un dos cales é algo máis grande e obríganos a buscar de novo o sendeiro na parte inferior.

      Baixamos en zigzag, agora por un antigo camiño que enlaza con unha bagoada (Valleja Argumosa) que nos leva aos fermosos invernais de Llosa Cima (655 m.).

            Xunto as cabanas deixamos o sendeiro da esquerda (PR, “Entorno de Tresviso”) e collemos a dereita un camiño que pasa entre as construccións (balizas roxas) que comeza a derrubarse cara a canle do Urdón. Entramos a dereita sobre unha ladeira moi pronunciada (Vallejos de Trascañimuelle) que remata nunha parede sucada de modo artificial polo sendeiro.

            Acadamos o fondo do val onde seguimos río abaixo con comodidade pola súa marxe esquerda. Na outra beira, a Cueva del Nacimiento trae as augas subterráneas ao comezo da Canal de Reñinuevo.

      Unha espectacular dobre ponte (La Bárdina) permite cambiar de marxe e comezar a atravesar as pronunciadas vertentes da Sierra de Beges, afastándonos do fondo do val. Tomamos contacto por primeira vez coa canle, co seu muro de medio metro escaso de anchura sobre o que temos que camiñar. Unha pasarela de arames acompáñanos ata o desvío da Collada de Hoja, onde o camiño empeora notablemente.

      Axiña abandonamos a canle por un sendeiro descendente que alcanza unha caseta dende a cal se da vista a fervenza que forma a canle no encontro de río Chico. Seguimos baixando, atravesando dúas zoas armadas con cemento, ata cruzar este curso de auga. Nun entorno de gran beleza, salvamos unha zoa de semi túneles (La Media Galería) algo exposta; coroamos un cimbro lateral e unha baixada nos leva a unha nova ponte sobre a Riega de Carcabá, e os primeiros repeitos da Canal de Perilluenga condúcennos a outra nova canle.

      O camiño principal, vaise entón a dereita, continuando esa depresión, que así conseguirá alzarse sobre o Collado de Hoja e chegar a Bejes. Nosoutros debemos seguir a esquerda o muro da canle, agora sen branceira. Tras un primeiro poste de cemento e antes do segundo vamos a esquerda por unha senda que evita un treito de equilibrios sobre o muro, pero regresa outra vez a un tramo especialmente aéreo do muro da canle, que por fin remata ao introducirse dita canle na parede e nosoutros no sendeiro que pasa por debaixo.

      Superamos unha barrancada onde se abriu a canle e levou o sendeiro, que salvamos uns metros por debaixo sen grandes complicacións.

      Axiña volvemos a coller altura, por unha zoa especialmente abrupta (Canal Negra) onde parece impensable o deliñado deste vello sendeiro. Así chegamos a un outeiro con un poste onde temos que evitar a traza ascendente e si baixar pola outra vertente (balizas), cruzar abaixo unha pedreira e retornar ao muro da canle. Unha ponte precaria sácanos por riba dun resalte rochoso, que salvamos sobre un cimbro. Polo outro lado sálvase a vertixinosa pasarela colgada do Corredor de Matallana e enlazamos coa canle a saída do túnel. Vamos collendo gusto ao camiñar sobre o muro ata que unha tapa de cemento permítenos saír a dereita sobre unha zoa máis suave de bosque onde se oculta unha cabana. Comeza unha baixada e o sendeiro torce a esquerda (balizas). Evitamos collelo e seguimos de fronte un ramal que mantén a altura evitando un paso estreito sobre a canle. Así confluímos coa outra rota para coroar o Collado de la Canal del Argayo, onde na outra vertente regresamos ao muro da canle.

       A canle introdúcese no Túnel de los Muertos, que evitamos por un sendeiro a esquerda (cabana abandonada). Logo de novo sobre o muro (pasarela), aparece unha zoa cuberta onde a dereita escapa a senda do Collado de Osina. Un novo túnel sométenos a novos pasos: esta vez hai que atravesalo sobre unha pasarela metálica que cubre unha anchura de un metro sobre as augas da canle. Aínda queda outro túnel (que evitamos pola esquerda) antes da baixada que xa da vista ao casetón terminal onde o sendeiro directo parte a esquerda, xa cara ao fondo do val.

      É preferible continuar (dereita, senda algo deteriorada) ata o Casetón (480 m.), en cuxa explanada de cemento comeza unha serie descendente de escaleiras con branceira que dunha maneira espectacular xiran a dereita o contraforte ata introducirse nuns túneles baixo a parede rochosa. Remata o rochedo ao tomar pé sobre o Canal de las Aileras, onde a senda baixa en xiros ben trazados sobre o comezo da rota de Tresviso, xa preto da central eléctrica (85 m.).