07 12 16 De Liñares de Bidul a Naraxa (A Fonsagrada) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: A Fonsagrada (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: Liñares de Bidul ou Riodeporcos

ACCESO: Na estrada  G – 630 que une Lugo con Grandas de Salime, a altura do km. 19, cóllese a CP – 19 – 08 que pasa por Liñares de Bidul. Seguindo esta estrada entroncamos coa CP – 19 – 10 que seguiremos en dirección a Ponte de Boadile Ibias ata o cruce que vai a Riodeporcos.

HORARIO: a) 4 horas            b) 2 horas 

DESNIVÉIS: a) 570 m. de baixada 150 m. de subida              b)150 m. de subida            

DISTANCIA: a) 18 km.            b) 11 km.            DIFICULTADE: a) media b) baixa     

TIPO DE ROTAS: Travesías                     MAPAS: I.G.N. – 74 – II – IV

SINOPSE: No concello da Fonsagrada, no lugar de Liñares de Bidul, báixanse 570 m. en 7 km. para chegar a Riodeporcos. Continúa a rota sendo un paseo á beira dor ríos Navia e Lamas ata rematar na praia fluvial da Pena do Inferno, en Naraxa.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: En Liñares de Bidul, collemos un camiño que sae a esquerda en dirección leste. Os nosos pasos seguen, no comezo, un bo camiño que atravesa monte baixo. Ao pouco tempo o camiño convértese nun sendeiro facéndose bastante pendente. De seguida atopamos as ruínas dunha casa dando entrada a un paraxe de rochas e bosque autóctono. Seguimos o sendeiro, de laxe e bastante esbaradizo, que atravesa varios soutos e regatos pasando xunto aos restos de antigas corripas. A cada paso o sendeiro faise máis fermoso seguindo o regato do Navallo, encravado no fondo do val. Atopamos outra casa, esta habitada temporalmente, que posúe unha fonte. Seguimos o noso camiñar ao longo do val ata que desembocamos na estrada, onde collemos a esquerda ata a entrada da pista de Riodeporcos que xa podemos ver dende a nosa posición.

            Damos un xiro a dereita entrando na pista que leva a dita aldea. Pasamos unha ponte colgante que deixamos a nosa esquerda, pois o noso camiño segue de fronte. Estamos no camiño chamado da República que era o antigo trazado da estrada que vai máis por riba. Este paraxe está situado na cola do encoro de Grandas de Salime, coñecido por aqueles e aquelas que fixeron a rota do Desfiladeiro de Bustelín ou o último descenso en kayak.

            Seguimos a canle do río Navia atravesando un paraxe fluvial de gran beleza e valor ecolóxico para chegar a “Fábrica”, lugar onde se fundía o mineral, conservando a día de hoxe a súa impoñente cheminea e o túnel. Esta instalación deixou de funcionar polo 1875. Na pintoresca aldea abandonada da Fornaza, atópanse os restos duns antigos fornos de fundición férrea e unha antiga capela.

            Seguindo o camiño, agora bastante por encima do río Navia que máis adiante se bifurca aparecendo un novo río chamado Lamas o cal temos que seguir ata o remate da camiñada. Aparece de seguida a Ferrería de Vilar de Cuíña que foi construída pola Compañía de la Vega de Ribadeo durante os anos 1793 – 1794. Esta ferrería tivo actividade ata finais do século XIX, tratándose dunha ferreira das alcumadas “maiores”, dotada non só do forno para a reducción do mineral senón tamén de varios mazos.

            Despois de deixar este lugar, hoxe convertido en área recreativa, seguimos río arriba gozando da incomparable beleza da cunca do río Lamas ata que aparece unha ponte e a estrada asfaltada onde nos agarda o autobús