07 06 09 Integral de Mampodre (Maraña) León

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Maraña (León)

PUNTO DE PARTIDA: Maraña

ACCESO: A Maraña accédese dende a C – 635 que une o porto de Tarna con Riaño, a medio camiño entre Acebedo e La Uña.

HORARIO: 6/8 horas         DESNIVEL ACUMULADO: 1.800 m.                DISTANCIA: 18 km.

DIFICULTADE: Media /alta             TIPO DE ROTA: Circular                        

MAPAS: I.G.N. – 79 – IV – 80 - III

SINOPSE: Esta é unha rota de alta montaña que, para facela completa, require un bo fondo físico así como camiñar con soltura por terreo rochoso i escarpado. Pódese facer en calquera tempo, pero no inverno deberemos dominar, obrigatoriamente, as técnicas e materiais de progresión en neve e xeo.

      Se o día acompaña, o esforzo vese recompensado amplamente polas panorámicas que unha vez chegado ao Collado de Maraña nos van acompañar durante todo o percorrido cara a os catro puntos cardinais.

      Esta folla de rota describe esta integral segundo a toponimia dos mapas do I.G.N., que en moitos casos non coincide coa toponimia local. O nome de Mampodre non é propio de ningún cume, senón do macizo, sendo o nome de este Peña La Cruz. A cota 2.159 é a Polinosa, nome que nin sequera aparece no mapa. En fin, que os señores do Instituto Xeográfico Nacional deberían darse unha volta polo país e repasar a toponimia porque o cate nesta materia é monumental.                                                                             

DESCRICIÓN DA ROTA: Saímos da aldea de Maraña (1.250 m.) en dirección oeste por unha pista de terra de P.R. que indica ao porto de Las Señales, pero despois duns 10 minutos de marcha a pista bifúrcase onde collemos o ramal da esquerda, cruzamos o regato Cagüezo para comezar unha suave subida entre prados de sega. Cando a pista pasa ao lado dunha enorme pedra temos por unha parte moi boas vistas de Maraña e por outra, do amplo Collado de Maraña. Mais adiante a pista xira a esquerda para internarse no val de Valverde, temos que abandonala e remontar entre xestas para ganar o Collado de Maraña (1.696 m.), que dispón de boas vistas cara ao Susarón situado por riba de Puebla de Lillo, e cara ao inconfundible Pico Torres.

      Dende o Collado de Maraña, a nosa vista recorre mais dunha vez a longa e pendente crista rochosa que une este cimbro co esvelto cume da Polinosa (2.159 m.). Remontamos a empinada e pedregosa ladeira para poñernos no cume da Polinosa e gozar das vistas do camiño recorrido e do que nos queda por recorrer.

      Dende esta atalaia recreámonos mirando a cantidade de cumes que podemos ver, moitos xa subidos por nosoutros en distintas ocasións: Torres, Toneo, Tiatordos, Maciédome, Mota Cetín, Vízcares, Cantu Cabronero, Friero, Cotalva, Requexón, Torrre de Santa María, Peña Santa, Llambrión, Torrecerredo e Espigüete, e algúns pendentes como: Pierzu, Recuencu, Collau Zorro, Pileñes e Peña Ten. Todo isto e moito máis pódese ver, un día despexado, dende o  Macizo de Mampodre.

      Baixando dende o cume  cara ao leste, chegamos ao Collado Cervunal (2.027 m.) e de seguido encaramos outra nova e fácil subida que nos leva ao cume do Cervunal (2.155 m.), de novo descendemos un anaco e faldreamos por un sendeiro o Pico Valcerrao para chegar ao Collado Valverde (2.085 m.) e dirixirnos directamente a cota máis alta deste día.

      Pico Mampodre ou Peña La Cruz (2.192 m.) déixase conquistar sen outra complicación máis que o desnivel a salvar. Despois da sesión de fotografía pertinente volvemos os nosos pasos pero antes de chegar ao Collado Valverde, decidimos subir  a cota sinalada no mapa coa altura (2.146 m.). Subir e baixar non leva máis de quince minutos.

      De volta no cimbro de Valverde, comezamos unha nova subida, esta vez ao Valcerrao (2.168 m.) que se distingue por ter no seu cume unha cruz de ferro. A baixada facémola cara ao leste seguindo a liña de cumes divisoria dos concellos de Puebla de Liño e Maraña. Temos que perder e gañar altura varias veces para pasar diferentes cimbros ata que subimos pola cristería ao Pico de Mediodía (2.179 m.) que de novo nos regala fermosa panorámicas cara a todos os puntos cardinais, especialmente do lugar de Maraña.

      A seguinte cota é o pico Valjarto (2.035 m.), moi fácil xa que resulta case todo en baixada, descolgámonos pola ladeira norte ata a lagoa de Mampodre onde collemos un camiño que nos leva directamente a Maraña.

      Aquí remata unha auténtica rota montañeira, despois de coroar seis cumes de máis de dous mil metros, con un desnivel acumulado de 1.800 m. i empregando unhas oito horas para pechar esta circular.