270924 Pla de Beret - Mongarri
Enlaces a wikiloc /fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Val d´Arán (Lleida)
PUNTO DE PARTIDA: Pla de Beret (1.846 m)
ACCESO: Desde Vielha pola estrada C-28 ata Baqueira, onde se colle a estrada que sobe á estación de esquí de Beret.
HORARIO: 3 h DESNIVEL: 250 m DISTANCIA: 14 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Pónt dera Gléisa (1.650 m) COTA MÁXIMA: Ponte Vernatar (1.800 m)
MAPA: Val d´Arán 1:40.000 de Editorial Alpina
SINOPSE: O santuario de Montgarri, xunto á Noguera Pallaresa, está situado nun importante cruce de camiños entre o Val d´Arán, o Pallars Sobirá e Ariége.
O santuario foi fundado no século XII e durante a súa longa historia serviu como hospital de montaña onde se aloxaban os viaxeiros, refuxio de fuxitivos durante as guerras e principal punto de reunión de rabaños e gandeiros da zona.
O conxunto está integrado pola igrexa, a reitoral e varios edificios anexos que formaban parte do antigo hospital e que actualmente acolle o refuxio de Montgarri.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro do Plan de Beret en dirección nordeste pola pista de terra que baixa en dirección a Montgarri pola marxe esquerda do río Noguera Pallaresa. Cando levamos uns tres quilómetros andados, a pista xira á dereita camiño de Montgarri, e xusto, enfronte temos a cabana de Parrós cara á cal nos diriximos, abandonando a pista.
Camiñamos agora en dirección norte polo chan de Eth Horcalh ata a xuntanza dos regos Ribera d´Orla e Vernatar. Seguimos á esquerda xunto ao rego Vernatar ata a ponte de Arriu de Vernatar pola que cruzamos. Camiñamos agora pola outra beira do río en sentido contrario para chegar ao río Horcalh onde existe outra ponte que tamén cruzamos.
Agora collemos o camiño que ven de Pórt d´Órla (GR-211) en dirección sur que nos vai levar ata a pista xunto a unha casa onde collemos á esquerda cara ao santuario de Montgarri (1.648 m).
Para volver, cruzamos o río Noguera Pallaresa pola Pónt dera Gléisa, que hai enfronte ao santuario camiñando pola marxe dereita do río. Este camiño, con moita sombra lévanos ao punto de saída entre o río e a estrada asfaltada.