271120 Entre Fontes é Muíños
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Vega de Valcarce (León) Pedrafita do Cebreiro (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Las Herrerías (680 m)
ACCESO: Las Herrerías está situada na estrada N – 6 que sobe desde Vega de Valcarde a Pedrafita do Cebreiro.
HORARIO: 4/5 h DESNIVEL: 600 m DISTANCIA: 13 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Herrerías (660 m)
COTA MÁXIMA: Cruce da pista entre Veiga de Brañas e Lindoso (1.120 m)
MAPAS: I.G.N. – 125 – IV – 157 – II
SINOPSE: Esta ruta circular pódese facer en calquera sentido pero quizais sexa máis suave segundo a describimos. Chega a unha cota máxima de 1.120 m preto de Lindoso e atravesa numerosos regatos, vales, soutos de castiñeiros centenarios e muíños como o de Outeiro con a súa área de merendas.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada xusto no cruce da N-VI con a CV-125/1 onde hai un indicador de Las Herrerías, o Camiño de Santiago e a ruta de El Molino Verde.
Durante un pequeno treito, imos polo Camiño de Santiago, baixamos pola pista cara ao río Valcarce que cruzamos por unha pequena ponte. Un pouco despois, deixamos o Camiño de Santiago para coller unha rúa que sobe en dirección sur ata a igrexa da localidade, adicada a San Julián (San Xillao) que data do século XVIII con o campanario na parte traseira.
Deixamos a igrexa e o cemiterio á nosa esquerda para seguir por camiño ancho que comeza a subir entre castiñeiros centenarios acompañados do son do rego de Fontán sendo cada vez o bosque máis avesío.
Despois duns 2 km de andaina, o camiño xira cara ao norte e comeza unha forte pendente entre castiñeiros cada vez máis grandes para chegar a localidade de San Julián que, segundo unha lenda popular, este lugar nace dunha familia galega que antes de construír a primeira casa estiveron vivindo uns meses no interior dun castiñeiro situado entre San Julián e Outeiro.
Atravesamos esta aldea cara á parte alta (950 m) para comezar a baixar por outro tramo fermoso cruzando o rego de Fuente Garandela que nace nas abas do pico Capeloso. Mentres camiñamos, temos boas vistas do val do Rego da Ribeira e máis adiante cruzamos tamén o rego de Capeloso un pouco antes de chegar ao Muíño Verde (995 m) situado nunha pequena chaira e dunha fermosura excepcional. Xunto ao muíño hai unhas mesas e bancos, lugar inmellorable para dar conta do xantar.
O camiño segue subindo cara a Outeiro, unha pequena aldea que deixamos á nosa dereita mentres nos achegamos ao límite de concellos de Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce, punto máis alto deste percorrido (1,120 m). Desde esta posición temos boas vistas de La Laguna, lugar de paso do Camiño de Santiago. Estamos nunha bifurcación con indicador a Veiga de Brañas e Outeiro. Seguimos de fronte comezando a baixar lixeiramente ata chegar a Lindoso, poboación de interesante arquitectura.
No centro desta poboación, xunto a unha fonte con bebedeiro, comezamos a baixar en dirección sureste por outro souto de castiñeiros centenarios. A baixada é bastante forte, suavizándose a medida que nos achegamos ao rego da Ribeira. Agora o camiño baixa pola marxe esquerda do rego ata un antigo forno de cal, onde aínda podemos ver os restos da canteira.
A baixada continua ata o barrio de Hospital, logo de pasar unha pequena fervenza. Estamos de novo no Camiño de Santiago onde collemos en dirección leste para pasar por Las Herrerías e desde aquí ao punto de saída.