19 09 22 Illa de Ons

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

PUNTO DE PARTIDA: O Curro (20 m)

ACCESO: En barco desde Bueu, Marín, Sanxenxo ou Portonovo

HORARIO: 5/6 horas          DESNIVEL: 200 m                          DISTANCIA: 13,5 km

DIFICULTADE: Baixa                    TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: O Curro (20 m)               COTA MÁXIMA: Faro (116 m)

MAPA: I.G.N. –  1:25.000

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Nesta ocasión trataremos de unir a ruta do sur e a do norte para facer todo o perímetro da illa.

            Comezaremos pola ruta do sur que igual ca do norte sae de O Curro. O camiño discorre paralelo as praias da costa sur leste da illa, Cans, Canexol e Pereiró. Nuns vinte minutos chegaremos ao Campamento de Voluntarios, onde xiramos á esquerda por un camiño que nos leva ao miradoiro de Fedorentos, de onde podemos gozar dunhas fantásticas vistas da costa sur galega con a pequena illa de Onza ós nosos pés e, ao fondo as illas Cíes.

            Proseguimos a ruta cara ao oeste ata chegar ao Buraco do Inferno, onde o mar construíu unha curiosa forma xeolóxica que se comunica con o mar entre os verticais cantís. Dende aquí seguimos bordando a costa occidental ata acadar a enseada de Caniveliñas. Ó chegar a fonte, podemos ver, ao fondo O Curro e o camiño que nos leva ao punto de saída pero, antes seguimos pola esquerda para comezar a ruta norte da illa.

            Camiñamos cara ao oeste pola zona de As Xabreiras para xirar logo en dirección norte. Camiñamos polo Chan da Pólvora, lugar de acampada, para seguir bordeando a illa, sempre con vistas ao mar.

            Máis adiante temos, pola dereita, un dos varios accesos ao faro, que podemos facer de ida e volta. Desde o faro podemos gozar de fermosas vistas de todo o arquipélago de Ons e das Rías Baixas. Tamén veremos, si o tempo o permite, o arquipélago das Cíes ao sur e a illa de Sálvora polo noroeste.

Seguimos a ruta pasando xunto á Fonte do Gaiteiro na que aproveitamos para refrescarnos xa que é a única da zona.

            Continuamos cara á Punta Xubenco e do Centolo, extremo norte da illa. Desde aquí tamén podemos facer unha visita á Punta do Centolo, paso prohibido dende o 15 de febreiro ata o 31 de xullo debido a que é zona de cría de gaivotas.

            De volta no Centolo, camiñamos agora en dirección sur pasando xunto á praia de Melide, a máis fermosa da illa, seguindo a cara leste da illa ata o remate da andaina en O Curro.

 

Parque Natural Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Está composto por catro arquipélagos: Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes que pertencen as provincias de Pontevedra e A Coruña da Comunidade Galega.

Comprende os concellos de Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira, tendo unha superficie de 8.333 hectáreas das cales 1.194,8 son terrestres e 7.285,2 mariñas.

A data da creación do Parque Natural foi o 1 de Xullo de 2.002. Cíes, Ons e Sálvora pertencen, tamén, a tres Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). Zona OSPAR (2008)

Os arquipélagos de Cies, Ons, Sálvora, Cortegada e o ámbito mariño que os rodean forman a contrastada paisaxe verde azulada que caracteriza ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Somerxidos entre as súas augas consérvanse algúns dos máis representativos exemplos de ecosistemas mariños atlánticos, os cales atesouran unha gran riqueza biolóxica. A súa localización, fronte ás Rías Baixas, crea unha barreira natural ante o océano que acentúa o ambiente estuárico das rías. No medio terrestre destacan os sistemas dunares, os acantilados e as matogueiras de toxo e breixo. No medio mariño con fondos rochosos son importantes as comunidades dos bosques de algas pardas (Sacorhiza polyschides e Laminaria spp) que dan acubillo a unha gran variedade de seres vivos. As correntes mariñas depositan as areas nas zonas máis resgardadas que xunto cos importantes fondos de Mäerl (conformados por restos de algas calcáreas) crean uns medios de substrato móbil ao que se deben adaptar os seres vivos.

            Os primeiros indicios de poboadores en Ons corresponden ao asentamento de cultura castrexa da Idade de Bronce. O máis coñecido, aínda sen escavar, atópase por riba do barrio de Canexol sendo coñecido como Castelo dos Mouros. A falta de prospección deste castro déixanos tamén sen rexistro da ocupación romana nas illas, pois adoitaban instalarse nos poboados célticos existentes.

            A illa de Ons aparece por primeira vez nun documento do ano 899, cando o rei Alfonso III doa a “Isla Aones” ao Cabildo Compostelán. A pesares dos ataques viquingos, coñeceuse na illa un mosteiro durante o século XV do que xa non quedan restos. A súa situación asociábase a un sepulcro antropomorfo que se conserva nun illote da praia de Area dos Cans.

            Dende finais do século XVI comezou o asedio de corsarios ingleses e piratas que rematou coa fuxida a costa dos poboadores xa entrado o século XVIII. En 1.810 a Junta Provincial de Armamento y Defensa decidiu fortificar a illa, actuación da que se localizan os restos de dúas fortalezas, unha no barrio de Pereiró, da que só se conservan algunhas pedras, e outra preto do porto coñecida como Castelo da Roda. O aumento de seguridade permitiu a repoboación, e instaurouse unha división parcelaria de terreos que o Estado cedía aos illáns para o seu cultivo a cambio dun canon. A recadación destinábase en principio a sufragar as fortificacións e despois pasou a entregarse aos señores da illa.

            Nos anos 1853 – 1840 instalouse a primeira fábrica de salmoira preto do porto e cambiou a vida dos illáns, que fixeron da pesca a súa actividade económica principal e aumentaron a súa poboación; cando finalmente a empresa pechou, trasladaron á costa a venta das capturas.

            En 1929, Manuel Riobó comprou a illa e instalou unha sociedade mercantil adicada ao secado e comercialización do polbo e cóngaro, que motivou que os illàns se especializaran nestas especies. O herdeiro desta sociedade, Didio Riobó, suicidouse no comezo da Guerra Civil e a illa quedou sen xestión directa. En 1940 o Estado expropio a illa para defensa nacional, e cando a II Guerra Mundial rematou, a Illa de Ons pasou por distintas administracións do Estado: Instituto Nacional de Colonización, IRYDA, ICONA...

            Durante os anos 40 – 50 a illa viviu a súa mellor época, con case cincocentos habitantes a finais dos anos 50. O despoboamento progresivo da illa en apenas 20 anos, debido a falta dunhas mellores condicións de vida dos illáns, foi parello, o mesmo que en Cies, ao auxe turístico, especialmente importante a partir dos anos 70.

            Actualmente Ons é a única das Illas Atlánticas que aínda conserva poboación estable, aínda que, menos de 20 persoas.